xenómica

Representación da estrutura de dobre hélice do ADN (Imaxe creada por Michael Ströck)

A xenómica ten por obxecto o estudo integral da secuencia completa do xenoma, o seu funcionamento, contido, evolución e orixe. Para moitas persoas é, a día de hoxe, a disciplina máis rompedora no campo da investigación en bioloxía. A palabra é un substantivo e tamén a forma feminina do adxectivo que se refire ao xenoma, como podemos ver na cita da revista Díxitos que reproducimos a seguir:

“Os adiantos tecnolóxicos baseados na explosión da información xenómica están a punto de orixinar unha revolución na bioloxía e na medicina, que nun futuro próximo producirán cambios drásticos na praxe médica.”

O termo inglés genomics acuñouno Thomas Roderick no ano 1986, para denominar esta disciplina, unha subclase ou especialidade dentro da xenética. No Dicionario, atopamos as entradas xene e xenoma e da primeira dise: “cada un dos elementos dispostos nunha orde fixa nos cromosomas” e engádese “determinan a aparición dos caracteres hereditarios nos seres vivos”. Pola súa banda, xenoma está definido como o “conxunto de toda a información xenética dun determinado organismo”. Cómpre distinguilos ben, xa que derivado de xene teremos o adxectivo xénico -a, e tamén a xenética, “rama da bioloxía que estuda a transmisión de caracteres hereditarios”. Pola súa parte, xenómico -a é o relativo ao xenoma, un termo creado en 1920 polo botánico alemán Hans Winkler (Genom). Tamén un científico xermánico, o biólogo dinamarqués W.L. Johannsen, foi o creador do termo xene (en alemán, Gen) en 1909.

Todas estas voces póñense en relación cunha única base, o indoeuropeo *gen-, que contiña as nocións de ‘nacer’ e ‘xerar’, e que se presupón na orixe de diferentes palabras tanto gregas coma latinas e, por consecuencia, noutras varias formas romances que resultan habituais hoxe en día. Como formante léxico, recoñécese esta filiación en constituíntes, tanto en posición inicial coma final de palabra; serían: xeno- (xenofilia, xenotipo, xenocidio), -xeno (oncóxeno, osíxeno), -xenia (embrioxenia, ontoxenia), -xénico (disxénico –a, transxénico –a), -xénese (antropoxénese, litoxénese). Tamén entre das palabras patrimoniais, as máis populares e con documentacións máis temperás, hainas que se explican pola mesma etimoloxía, como por exemplo é o caso de xenar e xeno (ou bertón), que botan as coles mais os repolos.

A Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica é un referente neste campo de traballo a nivel mundial. Desde que se fundou en 2003, a súa actividade multiplicouse rapidamente, e calcúlase que en 2017 uns 20.000 pacientes acudiron a ela procurando diagnóstico.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir