Na actualidade non nos resulta alleo escoitar que as cidades e vilas da nosa contorna son vítimas da xentrificación. Un fermoso escaparate para turistas, mais baleiro para as persoas oriúndas do lugar. Un fenómeno polo cal quen vivía de sempre nestes núcleos urbanos é empurrado a marchar de alí. Unha palabra complicada de dicir e de aceptar por todo o que representa. Un neoloxismo que recolle Tergal, a base de datos de termos normalizados de Termigal, como o ‘proceso de transformación dunha zona urbana degradada que se produce cando as clases con maior poder adquisitivo comezan a adquirir e rehabilitar as vivendas e locais comerciais, coa conseguinte revalorización económica e desprazamento dos grupos sociais que a ocupaban, máis vulnerables’.
A orixe do termo atopámola a finais do século XX no inglés gentrification, substantivo propio do eido da arquitectura derivado do verbo to gentrify ‘renovar as vivendas do centro das cidades segundo os estándares da clase media’, que nos leva ao vocábulo gentry. Este designaba, ao primeiro de todo –no 1300–, ‘a nobreza por nacemento’ e ‘a moda e costumes desta’; logo no XVI pasou a nomear as ‘persoas nobres e ben educadas’ e posteriormente, aquelas que na xerarquía social estaban xusto debaixo da nobreza. Todas estas voces teñen a súa orixe no francés antigo genterie, genterise, que se empregaban para designar a aristocracia.
O termo inglés estaba circunscrito ao ámbito da socioloxía e do urbanismo, empregado en 1964 da man de R. Glass para referirse ao proceso de renovación urbana da cidade de Londres, onde vellas zonas do centro abandonadas e depreciadas eran anovadas grazas ao investimento dos grupos sociais de maior poder adquisitivo para logo comerciar con elas. Na actualidade, os medios de comunicación úsano para referirse ao desprazamento da poboación dos barrios céntricos das grandes capitais que se converteron en zonas de moda e accesibles só para persoas de alto poder adquisitivo, pero sen ter moita ansia do que lles supón ás persoas desprazadas e as consecuencias sociais e culturais.
A proposta da terminoloxía galega é a adaptación fonética desde o termo orixinal gentrification. Esta opción non difire das linguas da nosa contorna, xa que en francés atopamos, gentrification; en italiano, gentrificazione; catalán, gentrificació; portugués, gentrificação e o castelán, gentrificación. Poderiamos botar man de locucións específicas como elitización urbana ou apostar por denominacións como aburguesamento ou ennobrecemento urbano; porén resultan menos acaídas por non recolleren todos os matices semánticos que adquiriu o concepto na actualidade. A diverxencia maniféstase en que elitización ou aburguesamento recollen a referencia á clase social, retomando a idea do inglés gentry, pero deixa fóra as consecuencias do desprazamento da poboación orixinal e a conseguinte perda cultural que nos proporciona a diversidade de poboación e de idade. Xa que logo os espazos xentrificados son elegantes, modernos, ocupados por persoas de certo éxito económico e, sobre todo, mozas.