O primeiro de maio, hai dúas palabras que gañan por dereito os primeiros postos das máis empregadas durante a xornada toda. Son traballo, e todas as súas relacións, e xesta. Na mañá do día internacional dos traballadores, centos de automóbiles aparecen engalanados con feixiños de pólas do arbusto. Tamén poden verse noutros medios de transporte, nos barcos, nos tractores… mais nas portas e xanelas das casas. A algúns, sobre todo entre os máis novos, sorpréndelles ver as xestas tomaren o espazo urbano, pois non coñecen a razón de ser dunha tradición que vén de moi antigo e que permanece ben viva na zona do suroeste do país e especialmente nas Rías Baixas. É máis, a día de hoxe o uso vive unha nova primavera e florece medrada en moitas outras zonas do territorio.
O costume, que compartimos con Irlanda ou Suecia, entre outros, parte das propiedades máxicas que desde a antigüidade se lle atribúen á xesta, que nos últimos días de abril e primeiros de maio anda en plena floración. A intención é que o arbusto protexa contra as malas enerxías, concretadas baixo múltiples formas: bruxas, mal de ollo, meigallos, espíritos maliciosos etc. Faise na noite de pasaxe do primeiro de maio no mesmo momento en que en boa parte dos países da Europa central e setentrional celebran a noite de Walpurgis (Valborgsmässoafton en sueco, Walpurgisnacht en alemán), cando se xuntarían as bruxas para a súa intendencia e organización. Como se ve, todo cun sentido moi máxico e esotérico, aínda que os poderes da xesta non sempre se proxectan sobre o plano maléfico, xa que tamén é tradición entregala á persoa pretendida amorosamente ou colocala nalgún sitio visible do seu domicilio como sinal de amor.
Xesta da Illa de Ons
Está recoñecido un tipo específico, con denominación de orixe, a chamada xesta de Ons (Cytisus insularis), que é endémica das illas de Ons, Sálvora e Vionta
Esta planta brava de flor amarela, pero que tamén pode ser abrancazada, chámase igual na inmensa maioría do noso espazo lingüístico, con pequenas variación en zonas puntuais, canto á realización da vogal tónica ou a consoante inicial. A pronuncia etimolóxica é a estándar, con e aberto /’∫Ɛsta/, pois procede dun étimo latino genesta, coa mesma referencia, e que á súa vez se trataba dun derivado do verbo gignere, que tiña os significados de criar, parir e xerar. Os nomes noutras linguas respectan esta orixe, como é o caso do francés genêt, o italiano ginestra, alemán Ginster e o portugués giesta (que tamén se documenta dialectalmente para o galego).
Por ser tan abundante por aquí, aparece con moita frecuencia na toponimia, tanto na súa forma primaria, coma tamén en nomes derivados, tal é o caso de xesteira (o lugar onde hai moitas xestas, sinónimo de xestal), xestosa, xestido, xestarego etc.
O etnógrafo Clodio González lembra que, nun tratado redactado na primeira metade do XVII polo botánico aragonés Bernardo de Cienfuegos, pode lerse un fragmento en que se fala, máis ben desde o escepticismo, das supostas propiedades fabulosas da xesta, da que por aquela época se pensaba que contiña na súa raíz, en forma de pequeno gromo arredondado, a chamada panacea, do grego panakeia, sobre pan ‘todo’ e ákos, ‘remedio’, ou sexa, o elemento en que se daba o antídoto de todos os males. Vindo precedida por unha sona histórica de tamaño calibre, quizais non quede tan fóra de sentido procurar a protección nas poliñas de xesta prendidas nos automóbiles e entradas das casas. O que si queda fóra de toda dúbida é que o amarelo vivo da xesta o primeiro de maio, o mes das flores, entoa en por si un canto á primavera e á alegría.