xurro

Agradecémoslles a Vítor Mejuto e a La Voz de Galicia que compartan connosco esta fotografía daqueles días de loita contra o chapapote

Na edición impresa do Diccionario da Real Academia Galega (1997) a entrada xurro tiña unha única acepción: “Líquido que solta o esterco. O rego de xurro veu dar á horta. SINÓNIMO zurro”. Posteriormente, na versión na rede do DRAG engadiuse outra acepción: “Líquido composto por auga e excrementos dos animais. Ao lado da corte teñen o depósito para o xurro. SINÓNIMO zurro.

Estas acepcións do mundo rural son as que aparecen na entrada xurro en dicionarios que se editaron nos últimos trinta anos, coma o Galego-Castelán de Galaxia (1992), Cumio avanzado (2001), Século 21 de Galaxia e Cumio (2006) e Gran Xerais (2009), e tamén no Estraviz en liña.

Hai uns anos no DRAG introducíronse dúas acepcións mariñeiras para xurro: a (3) “Forte corrente de auga do mar”; e a (4) “Forte corrente de auga doce, de cor algo escura polo barro ou a area do río que arrastra, que aboia sobre a auga salgada a mercé do vento”.

Deste xeito a RAG non só poñía algo de máis de mar no seu dicionario, senón que coa acepción (4) dalgún xeito honraba o esforzo extraordinario da xente mariñeira das Rías Baixas, que en decembro do 2002 se enfrontou na boca das rías nunha loita sobrehumana ao piche ou chapapote do Prestige. O afundimento deste petroleiro fronte ás costas galegas o 19 de novembro do 2002 orixinou unha inmensa marea negra, que foi a maior catástrofe ecolóxica da historia de Galicia.

No caso da ría da Arousa, a máis grande das rías galegas e a de maior produción marisqueira, á parte de contar con boas postas de peixe, o heroico traballo do primeiro día da loita contra o piche, poida que valese de ben pouco se o vento non chega a virar do nordés, algo insólito no final do outono; e se non chegase a chover a baldes en outubro e novembro dese ano, o que fixo que o Ulla e o Umia trouxesen moitísimo xurro.

A forte corrente de auga doce con barro e area destes dous ríos, xunto co nordés, frearon o chapapote na zona do Pombeiro (entre San Vicente do Grove e Sálvora) e no Carreiro de Sagres (entre Sálvora e Aguiño); e así, mariñeiros-cazadores arousáns, con planadoras e barcos de cerco, e mariñeiros-labradores da ría, con barcos da batea, puideron apañar o piche cos trueiros, salabardos, guindastres dos barcos bateeiros, forcadas e outros instrumentos, mesmo coas mans sen luvas.

Ese xurro, que xunto co nordés, tanto contribuíu á salvación do patrimonio natural e marisqueiro da ría da Arousa, ben merece unha acepción mariñeira en calquera dicionario da lingua galega.

 

Francisco Fernández Rei

Académico de número

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir