O instrumento polo que será recordado o musicólogo Faustino Santalices é a zanfona, xa que xogou un papel fundamental na súa recuperación e dignificación, primeiro porque deu na teima de facer unha que volvese soar e logo montando o Obradoiro de instrumentos musicais da Deputación de Lugo onde se elaboraron as primeiras que fixeron posible, tamén, a recuperación das vellas melodías. Grazas ao seu traballo na actualidade hai, de novo, músicos que son quen de zanfonear e artesáns dedicados á súa fabricación.
A zanfona é unha evolución do organistrum medieval, do que temos o máis requintado exemplo na clave do arco central do Pórtico da Gloria. A este instrumento, que se tocaba entre dúas persoas, engadíuselle un teclado como xa se acredita nalgunhas portadas medievais e mudouse a disposición dos elementos, xa que se puxeron as teclas por riba da caixa de resonancia. Produto destas modificacións resultou un instrumento novo, ao que se denominou symphonia, nome latino do equivalente grego formado co prefixo syn– ‘xunto’ e o substantivo phoné, ‘voz’, que significaba ‘concerto’. De feito, deste étimo é de onde xorde a denominación galega do instrumento, xa que emite varias voces a un tempo pois consta dunha nota permanente que se denomina pedal, que semella o ronco da gaita. Documéntase no devir do termo que no XII era cinfonía ou çinfonia, e sanfonía no S. XVII ata chegar ao actual zanfona. Mentres que a derivación culta, sinfonía, queda para a “composición musical que consta de varios movementos, composta para ser executada por unha orquestra”. Quen non coñece as fantásticas contribucións de Haydn, Mozart, Beethoven ou Mahler?
A zanfona foi un instrumento moi utilizado primeiro na música sacra e culta e logo tomado polos trobadores. Proba diso é que a denominación está recollida en toda Europa onde adoptou diversos nomes, mais algúns dos termos fan referencia á característica roda que fai soar as cordas e non á música que emitía. Así atopamos Drehleier ou Radleier en alemán, vielle a roue en francés ou viela de roda en portugués, onde convive con sanfona. En castelán rexístrase zanfoña e en catalán, á par de viola de roda, empregan samfoina. Posteriormente caeu en desuso. Mais en Galicia continuou a ser empregada de xeito habitual ata principios do século XX, sobre todo polos invidentes que gañaban a vida tocando polo país adiante os cantares de cegos funcionando como cronistas entre as distintas poboacións. No noso tempo existen tamén zanfonas electrónicas, con rexistros sonoros variados e son utilizadas no folk galego e no bretón.