zas!

Ilustración baseada no cadro Sweet Dreams Baby! (1965) de Roy Lichtenstein

Na lingua suceden cousas que, como as margaridas na primavera, inzan as agras e logo desaparecen. Alguén recorda o que viña sendo un usie? Algo semellante pode ocorrer cunha expresión que non hai moito se meteu sen filtros nas conversas máis relaxadas: zasca!, un comentario de moda que pode aparecer só ou co engadido “en toda a boca!” Dos contextos en que se usa, pódese deducir o sentido desta expresión que quere indicar unha ‘réplica cortante, rápida e, en ocasións, ofensiva nunha conversa’. As redes sociais fixeron, tamén neste caso, de comunicantes e en pouco tempo vimos como esta brincadeira se fixo recorrente en diferentes linguas.

Boa parte deste éxito poida que se deba á súa moita expresividade, de feito o zasca! funciona como unha onomatopea coa que se quere imitar o son que escoitamos cando se dá un golpe. Pero cabe preguntarse se é a mellor alternativa. De todas as palabras que conforman o léxico, as onomatopeas quizais son as que teñen unha orixe máis difícil de precisar, e préstanse moito ao traspaso dunhas linguas a outras, especialmente cando se trata de linguas próximas ou en contacto. Mais para este caso hai un dato a ter en conta: no Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), a maior base de datos dispoñible do noso idioma, non hai constancia do substantivo zasca. Pola contra, zas –“exclamación que expresa o modo brusco en que algo se realiza ou sucede”, segundo o Dicionario–, aparece citada con ese sentido 170 veces entre os anos 1857 e 2006, en exemplos onde tamén acolle os significados máis concretos de ‘golpe’, ‘caída’ ou ‘actuación rápida’.

Para dar máis intensidade ao zas pode acompañarse dun nos fociños!

#znf

Con estes datos, zas parece unha boa opción, máis propia de noso, para adaptar o Pow! Right in the kisser! que emprega Peter Griffin, de Family Guy, de onde partiu a expresión de moda. O comentario deste pai gordecho e desastrado gañou tanto éxito que pasou a usarse, a xeito de lema, en serigrafías de camisetas e memes de todo tipo e, nunha segunda fase, prendeu coma a pólvora polas redes sociais. Para darlle máis intensidade ao zas, ben podería deixarse acompañar por un “nos fociños!”. E, nesta mesma liña, imposible non ter presente un clásico do rock do país, no álbum Des minutos de 1988, no que os Heredeiros da Crus relatan a disputa por unhas partillas ben reviradas que acaban a golpe de: Sas!, sorreghaso. Sas!, sorreghaso. Acáeche?

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir