Has de cantar, / que che hei de dar zonchos; / has de cantar, / que che hei de dar moitos… dille Rosalía á meniña gaiteira no comezo de Cantares Gallegos
Coa chegada de novembro facemos os magostos, esa celebración onde a “comida consiste fundamentalmente en castañas asadas” e tamén festexamos o samaín e os días de Defuntos e Todos os Santos. En relación a eles, os magostos, semellan unha sorte de banquetes funerarios ‘comida en honra de todos os defuntos da parroquia’ que se celebran en moitas culturas do mundo. Cómpre lembrar que varias fontes consideran o castiñeiro como unha árbore funeraria. É dicir, estamos nun tempo do calendario que está cheo de ritos e tradicións fúnebres, probablemente milenarias. Un exemplo é o modo en que debe morrer o lume dun magosto, que non se pode apagar e hai que deixalo esmorecer por si só, para que se poidan quentar as almas vidas do alén. Tamén lles hai que deixar as castañas sobrantes.
Outra tradición que relacionada coa veneración ou a prevención cos mortos é a dos colares de zonchos, isto é, de “castañas cocidas coa pela” que cunha agulla e un cordel se enfían como se fosen as doas dun rosario. Fanse para llelos poñer aos nenos nos días un e dous de novembro, especialmente no de Defuntos, para, segundo algunhas fontes, protexelos contra os espíritos con este amuleto, ou, segundo outras, porque por cada castaña agasallada e comesta sálvase unha alma. Esta tradición segue manténdose viva en moitos lugares do norte do territorio.
O termo zoncho ten unha orixe incerta: hai obras lexicográficas que indican que o seu étimo sería o verbo latino cingere ‘cinguir’, en concreto, da forma cingulum ‘faixa’ onde atopamos certa analoxía no feito de que a pelica, a cuberta exterior do zoncho, funciona como unha coiraza que se cingue ao froito; outros investigadores, como Joan Corominas, non comparten esta posición negando que esta derivación desde o latín ao galego teña cabida nas regras da fonética histórica e propoñen unha orixe común con zuncho, que hoxe usamos para chamarlle a unha “abrazadeira de ferro ou de calquera outro material que se utiliza para reforzar algo, unir ou manter unidas dúas pezas etc.”, pero que antigamente denominaba o émbolo dunha bomba, xurdindo o nome por onomatopea do ruído que produciría esta peza.