
A zorra "Rosebud", un motivo esencial en Citizen Kane (1941)
Antonio Fraguas, etnógrafo e historiador, foi impulsor, xunto con outros persoeiros da cultura galega, do Museo do Pobo Galego. Alí atopamos recollido parte do noso patrimonio material de gran valor etnográfico que vai parello á enorme riqueza do léxico patrimonial da nosa lingua. Esta é unha das razóns pola que lle dedicamos este Mira que din á zorra, un termo que designa un “aparello de transporte tradicional, máis rudimentario e primitivo que o carro”, mais tamén ese caixón que empregamos para escorregar pola neve.
A zorra servía tradicionalmente para carretar pesos, especialmente por lugares de difícil tránsito ou con moita pendente. Consiste nun toro dunha árbore e dúas pólas formando forcada cuns madeiros transversais sobre dos que se coloca a carga. Ás veces, cando a carga era moi pesada, colocábanselle debaixo tarugos redondos ou unhas rodas pequenas moi resistentes que facían máis doado o transporte, e que sinalan un avance importante no camiño cara á construción do carro. O mesmo aparello, con lixeiras variantes, que presentan fases máis ou menos avanzadas na evolución cara ao carro, pódense atopar tamén no País Vasco (narria), Asturias (abasón) e norte de Portugal (corça / corço).
Outros nomes que recibe este sistema de transporte na xeografía galega, e que nos dan conta da riqueza léxica da que falabamos, son: acicarro, aparelloa, armadilla, arrastra, arrastro, ballastre, cadeixo, cangón, corces, corda, corza, escorza, grada, gradón, rasteña, rasto, rastra, rastreiro, rastrexo, rastrillo, rastro, rastro de rodas, restre e zorro.
De todas estas voces, hai algunhas que derivan do latín rastrum (arrastra, rasteña, rasto, rastra, rastreiro, rastro) e outras como corces, corza e escorza teñen a súa orixe no substantivo corzo, que á súa vez deriva do verbo corzar ou acorzar “rabenar, deixar sen rabo”, procedente do latín vulgar *curtiare, derivado de curtus. Segundo Corominas, a aplicación do nome corza a este apeiro é debida á comparación co andar furtivo do corzo.
A voz zorra, que recolle o dicionario da RAG, é a maioritaria no noso territorio. A súa etimoloxía derivaría dun antigo verbo zorrar (arrastrar), onomatopea do rozamento do que se arrastra. Este mesmo étimo serve para explicar a voz zorro, –a empregada no castelán para denominar o animal que en galego coñecemos como raposo, –a, derivado aumentativo do latín rapum facendo alusión a que ten o rabo grande.
Aínda que en Galicia non son abondosos os lugares con neve si está documentado o uso da zorra para escorregar polas superficies nevadas, de aí que se propoña, como dixemos, empregar este termo patrimonial para substituír o galicismo *trineo (francés traîneau). Tan importante é conservar o patrimonio material coma o inmaterial e que toda esa riqueza non se perda nin se esqueza.