batimbora

Víctor Fernández Freixanes

Esta palabra non vén no dicionario. Mais está na memoria da miña infancia, na tradición oral da miña avoa Consuelo, que era de Tui. Daquela dicía: “estiveron aquí os teus tíos e armouse unha boa batimbora”. Ou amén: “Onte houbo unha batimbora grande entre os veciños”. Para a miña avoa “batimbora” quería dicir: liorta, discusión, agarrada, barullo de voces e de xentes, ás veces, só con palabras, mais chegado o caso tamén enfrontamento físico, con berros, puñazos e pancadas.

Nas miñas novelas e relatos utilizo esta palabra, a sabendas de que non vén rexistrada nos dicionarios, porque a teño viva na miña memoria familiar e porque me parece moi expresiva. Unha batimbora é unha loita, un combate, preferentemente desordenado e colectivo. Tamén pode ser unha discusión moi afervoada, e non pacífica.

A miña avoa de Tui relacionaba a palabra coas leas e enfrontamentos que os mozos da parroquia do Montiño ou mesmo da banda do río tiñan cos mozos de Valença, de Monçâo ou de Caminha cando viñan ás festas. Eran relativamente comúns estes enfrontamentos entre parroquias, que se resolvían a mocadas e trompazos.

Reflexionando sobre as orixes da expresión eu relaciónoa co “vaite embora” do portugués: unha interpretación da expresión veciña (verbo IR máis o adverbio EMBORA) que vén significar “lárgate, vai de aí, fóra de aquí, lisca de vez e para sempre”, case sempre no medio das pelexas.

Eu escribo a palabra con “b” porque así me parece máis rotunda, máis brava e contundente, aínda que se a relacionamos coa expresión portuguesa debería ir con “v”. Un dos labores dos escritores consiste na descuberta, incorporación ou mesmo reinvención das palabras, consonte o rexistro estilístico que procuramos en cada caso, contexto ou circunstancia (neoloxismos).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir