agarimo

Xosé Neira Vilas

Non son filólogo pero saboreo as palabras da nosa lingua como algo moi próximo ó sentimento. Sinto moi fondo o significado de cada unha e gozo cando as escoito nos beizos da nosa xente, do noso pobo, que as decantou ó longo dos séculos. Ese saboreo, ante a sonoridade e ante a presenza gráfica vénme seguramente dos meus 43 anos de América, lonxe do escenario natural da lingua, e das palabras que pronunciaba en voz alta cando non tiña con quen falar en galego, e as que escribía e gardaba para non esquecelas.

Agarimo é unha das palabras máis fermosas, máis tenras e de tenra sonoridade da lingua galega. Significa, como é sabido, unha manifestación física de cariño que se manifesta acariñando con suavidade as mans, os beizos, o corpo doutra persoa, un animal, unha estatua e ata unha árbore, pero basicamente doutro ser humano. É acariciar, ou acariñar. É aloumiñar.

Pero pode tamén expresarse agarimo a distancia, por exemplo por escrito. É expresión de afecto, de trato cordial, ás veces acompañado dun sorriso ou doutras palabras igualmente tenras. Agarimo é tenrura.

Agarimo é tamén protección, que val así mesmo para designar un lugar cuberto no que nos gorecemos dunha tormenta por exemplo, un refuxio, un lugar de abrigo.

Agarimo pode ser unha canción, unha melodía musical, o tacto suave dunha pel, dunha tea. Agarimoso pode ser o mar, o Sol na tardiña, a chuvia en forma de chuviscada lene.

A ringleira de acepcións posibles é enorme.

Agarimo é unha palabra vixente, porque é un sentimento vixente nas persoas.

Con todo, aínda non hai na nosa sociedade todo o agarimo que necesitamos.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir