albeite

Manuel González González

No dicionario da RAG aparece a palabra albeite co significado na súa primeira acepción de ‘persoa que cura as enfermidades do gando sen ter o título de veterinario’. Chamaron o albeite para que vise a egua, que anda mal dunha pata. cf. Veterinario.

Cando era rapaz pasaba horas observando atentamente como D. Ramón, o veterinario da Picota, examinaba os animais que lle traían á consulta ou como inseminaba artificalmente as vacas. Eu soñaba con dedicarme algún día tamén a curar animais, aínda que non me gustaba nada velos metidos e inmobilizados nun poldro ou estagallo.

Pero o meu afecto á palabra vén de que me parece unha voz inxustamente tratada pola historia, unha voz vida a menos no prestixio do seu contido semántico. A profesión dos que se dedicaban ao coidado dos animais é antiquísima, e gozou de moito prestixio ao longo da historia, porque certos animais ocuparon un papel importantísimo na historia da humanidade. O Código de Hammurabi xa establecía os emolumentos que podía cobrar a persoa que se dedicaba a estes mesteres e mesmo a punición que lle correspondía en caso de que o tratamento fracasase.

A de albeite foi unha profesión moi prestixiada na Idade Media na Península Ibérica, e non faltan personaxes históricos importantes coñecidos con este alcume, porque exerceron esta profesión ou porque eran fillos de alguén famoso que a exerceu, como é o caso de Ibn Al Baytar, o prestixioso médico e botánico malacitano do séc. XII. Nos Tratados de albeitaría establecíanse as normas para tratar os animais, especialmente o mular e o cabalar. Naquela altura o nome de albeite aplicábase a todo especialista que se dedicaba á curación dos animais.

Pero a palabra sufriu a competencia da denominación veterinario, que entrou en época relativamente recente e que se difundiu sobre todo a partir da creación no ano 1792 da primeira escola de Veterinaria en España, a de Madrid, a imitación da de París. Nestas novas escolas de veterinaria impartíanse os estudos regrados sobre o tratamento dos animais, e os profesionais formados nelas recibían o título de veterinario, denominación que foi acantoando pouco a pouco a voz máis tradicional albeite, que se seguiu usando para designar a persoa que, sen titulación oficial, é entendida nas doenzas e coidado dos animais.

O arabismo albeite levou as de perder fronte ao latinismo veterinario, difundido en España sobre todo pola política borbónica, e que designaba orixinariamente a persoa que se ocupaba de curar as bestas vellas (veterinae) que xa non servían para o combate ou para outras actividades que esixían certo vigor e axilidade. O caso é que hoxe os especialistas titulados se chaman veterinarios e non albeites, como sería esperable de seguirmos a tradición medieval. A loita polo prestixio non se produce só entre as persoas, tamén se dá entre as palabras.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir