Aleuta ou aleuto.
O dicionario da Real Academia define este adxectivo como “que ten o enxeño agudo e actúa con dilixencia e eficacia”. Realmente é unha palabra difícil de definir, e mala de traducir a outras linguas. Refírese normalmente a unha persoa lista, de intelixencia viva, que está atenta ao que pasa e que se decata con rapidez das cousas, e que sabe actuar de maneira acertada.
A pesar de que polo seu contido ofrece múltiples posibilidades de utilización, esta palabra úsase moi pouco, tanto na lingua oral coma na falada. Por exemplo, no Tesouro Informático da Lingua Galega en rede só se rexistran 13 casos, desde A gaita gallega de Pintos ata hoxe. Na prensa, nos medios ou nas dobraxes non aparece ou só o fai de maneira moi ocasional.
E é boa mágoa, porque este adxectivo case sempre se aplica a xente nova (coma en Mira que aleuta é para os seus anos), e hoxe temos, por sorte, unha xente nova que é ben aleuta!