amata

Ramón Villares

Nos dicionarios galegos é constante a súa definición como “ferida ou chaga que lles produce o roce do aparello aos animais de tiro ou carga”, entendendo por aparello a albarda ou montura que se lles poñía a burros, mulas ou cabalos.  

O perigo de provocar feridas nos animais era moi común, por iso se avisaba que había que tercear as cargas e apretar ben as correas porque  “a carga a lazos non (a)mata a besta”, isto é, non provoca feridas nin tampouco a cansa indebidamente.

A idea de ferida tamén se lles podía aplicar ás persoas, segundo indica a frase recollida no Diccionario de Eladio Rodriguez, O traballo non mata, pero fai amata, ou sexa, que produce feridas nas mans.

A palabra é de uso pouco común na lingua galega actual, tanto falada coma escrita, tal vez por estar asimilada a unha actividade que caeu totalmente en desuso, aínda que podería manterse, cun sentido máis xenérico, no deporte de equitación.

Porén, hai outros usos do vocábulo que permitirían a súa recuperación na sociedade actual. Un deles é aquel que describe unha reprimenda ben botada ou unha crítica á que non se lle podía retrucar: “fun dar cabo da veciña e púxenlle o sal na amata”, isto é, recrimineina polo que andaba a dicir ou facer. Tamén podía entenderse que “hai que lle poñer o sal na amata” a  quen non respectaba pactos e acordos veciñais, ou non cumpría debidamente coas suas obrigas no traballo. Poñer o sal na amata ten, por tanto, un sentido de advertencia que se compadece coa crítica severa.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir