aquelar

Alba Nogueira López

Aqueliño, es ben aquelado. Aquela lixeiro que chegas tarde”.

 

Como explicarlle o que é aquelar a unha persoa que nunca tal escoitou? Aquelar é coller e deitar. Aquelar é romper e arranxar. Aquelar é berrar e loubar. Só a proximidade coloquial nos dá o tempero xusto para cada aquelar.

 

Aqueliña, chamábame de pequena Oliva cando non lle viña á punta da lingua o meu nome entre o de todos os curmáns. O diminutivo agarimoso que se xunta para converter en nome o incerto aquelar.

 

E cantas veces fomos os curmáns moi aquelados? Revirados, apoucados, valentes, mollados, ocorrentes…Oliva sabía ben o que nos dicía e nós tamén se de seguido ía ofrecernos uns zorregazos ou escachar a rir polas nosas trasnadas.

 

E por iso o Dicionario non lles dá posto cumprido fin ás vaguidades e dinos que aquelar é un “verbo de sentido vago que se usa na lingua coloquial cando non se atopa o adecuado, e que adquire un significado preciso dependendo do contexto en que se use”.

 

Ten o seu aquel.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir