Nas praias de area finísima da nosa beiramar, na franxa onde baten rítmicas as ondas, abundan as pedriñas miúdas de seixo, ovaladas, de cor esbrancuxada ou cincenta, de superficie tersa, extremadamente duras pero de tacto macio, luídas con primor polo incesante abalar e devalar das mareas. Na miña terra chámanlles camoucos. A palabra foi recollida só por moi requintados lexicógrafos (Aníbal Otero, Elixio Rivas), con significados completamente diversos ao que eu lle coñezo, relacionados coas tristeiras árbores demoucadas. Por libre asociación de ideas e sons, camouco tráeme ecos doutras voces que me reinan como pelouro (que tamén utilizamos para descualificar unha persoa trosma) ou penouco (que os dicionarios dan como equivalente a ‘penedo’, pero para min refírese a unha pedra grandeira, mais non tanto que un non poida coller coa man). Canta non é a diferenza de sonoridade e connotacións dun camouco cun croio, un pandullo ou un callao!!! Igualmente, no meu maxín camouco asóciase a vougo –adxectivo de fondo bretemoso, cun non sei que de fusco e ao tempo engaiolante, para o que os glosarios dan as acepcións de ‘baleiro’ ou ‘deshabitado’–, porque A Vouga é o nome dun fermoso areal que frecuentei de rapaz… Palabras que evocan relembros entrañables, que pousan na cerna máis recóndita do noso caletre, que semellan agochar segredos indescifrables.