colla

Antón Santamarina Fernández

Se buscamos esta entrada nos dicionarios atopámola rexistrada con dúas acepcións (digámolo así para entendérmonos, porque en realidade non adoitan coexistir as dúas no mesmo dicionario):

1. Elixio Rivas: s. f.  ‘El recoger la cosecha de patata’ SE de Ourense (Frampas III). Constantino García: f.  (Compostela, Guitiriz, A Gudiña) ‘recogida de la patata’.

2. Carré 1ª ed.: s. f. ‘Cuadrilla. Grupo de algunas personas para realizar un fin determinado’. E cun sentido algo máis restrinxido en Eladio Rodríguez: s. f. ‘nombre que se da en La Coruña al conjunto o cuadrilla de estibadores que hacen las operaciones de carga y descarga en los buques y en los muelles’.

Os dicionarios posteriores repiten ou reescriben as definicións con algunha variante.

A primeira acepción non ten moito de sorprendente: colla é un deverbativo normal de coller (como son sacha, sega, malla etc., de sachar, segar, mallar). Só nos sorprende que os dous dicionaristas que a recollen a restrinxan á pataca. Cremos que a reescritura que fai o DRAG (‘recolección dun produto agrícola’. A colla das patacas, do millo) é acertada. De feito hai aboamentos referidos a outras colleitas ademais da das patacas. Tal é o caso desta triada da Maía recollida por Tobío Campos en 1880: Todo se me dá na man: / menos a arriga do liño / a máis a colla do pan. Isto non quere dicir que a definición de Elixio e Constantino García estean mal (sexan restritivas demais); hai máis exemplos de palabras que se especializaron nunha colleita específica; na Fonsagrada cando se di a cata todos entenden que é ‘a colleita das patacas’.

A segunda acepción ten dous problemas. O primeiro é o de dilucidar cal das dúas acepcións alternativas é a máis axeitada: a ampliada (cuadrilla en xeral) ou a restrinxida (cuadrilla de estibadores); ou sexa, verificar se ten razón Carré ou Eladio. As ocorrencias en textos literarios axudan a dilucidalo. Hai, certamente, exemplos de collas de estibadores como se ve neste texto: A maiores, o SIP tivo que aturar outras escisións con dirección á UGT: concretamente, a dos patróns, maquinistas e algúns mariñeiros, a colla de estibadores do peixe e as empacadoras (D. Pereira, Foulas). Pero tamén hai (dentro do ambiente mariñeiro) collas doutro tipo, ou non sabemos de que tipo: As mulleres puxeron a andar a colla, o negocio do empaque e a distribución do peixe (Souto, Fumareu) [enténdase: puxeron a funcionar o grupo de mulleres que se dedicaba ao negocio de empacar e…]; Pasaba eu polo Areal. Viña de tomar uns bocks en “Joaquín”, cos traballadores da colla (Ferrín, Antón). E hai exemplos claros nos que o ambiente mariñeiro non existe: Unha colla de moinantes (Freixanes, Enxoval); Unha colla de presos cobexábase baixo certa especie de soportal (Ferrín, Bretaña). Está claro que hai que lle dar a razón a Carré ou definir dunha maneira máis xenérica aínda ‘grupo de persoas’

O segundo problema é dilucidar se son dúas acepcións do mesmo lema (un lema polisémico) ou se son dous lemas homónimos. Para seren dúas acepcións dun mesmo lema teñen que ter algunha relación semántica (algún “sema” en común). Cun pouco de imaxinación poderiamos pensar que igual que coller o centeo a colla do centeo, coller obreiros podería dar unha colla de obreiros (e despois de maneira máis xenérica ‘grupo’); ou sexa, que o sema “coller” estaría nos dous casos. Pero o máis seguro é que non sexa así. Se imos a un dicionario catalán (por exemplo ao Alcover-Moll) sv. colla atopamos o seguinte: “3. Conjunt de persones aplegades deliberadament per a un fi; per extensió, conjunt d'animals o coses, grup, estol (or., occ., val., men.); cast. grupo. «Mira quina colla de gent que ve!»«Anàvem una colla a berenar a la masia». «Ha passat una colla de noies»”. É tan grande a coincidencia fonética e semántica entre a palabra galega e a catalá e é tan frecuente a presenza de voces catalás en ambiente mariñeiro galego (bou, pota, rape…) que é inverosímil que o noso colla na “segunda acepción” se xerase dentro do sistema e non por préstamo.

Daquela, os nosos dicionarios cando rexistren as dúas acepcións deberían de separalas en dúas entradas: colla 1 (deverbativo de coller, lat. COLLIGERE) para a colla de froitos; e colla 2 (do cat colla, lat. COPULA) para a colla de xente.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir