O dicionario da RAG (1997) define este termo como a “humidade da terra a pouca profundidade, por debaixo da capa seca da superficie”. Tradicionalmente era unha condición da humidade do solo que permitía que as nabiñas que se sementaban nel puidesen sobrevivir e medrar con folgura. Producíase decote no outono, cando había que sementar os nabos, trigo ou centeo e a terra reseca dos veráns acollía as primeiras chuvias. Esta auga devolvíalle ao solo as condicións axeitadas para que as sementes puidesen xermolar sen dificultades. Esta lentura agardábase con ansiedade pero o tempo poucas veces defraudaba e as chuvias do inverno sempre chegaban puntuais para mollar e, mesmo, enchoupar a terra.
Nas montañas orientais, a esta condición da terra chamábaselle tamén “trempeiro”.
Non está ben documentada, pero eu defendo que en Galicia tamén hai unha lentura de primavera cando o solo, aínda ben mollado polas chuvias abondosas do inverno, comeza a secar e a súa humidade permite, cando chega a lentura, traballar ben a terra para acoller as sementes do millo e das patacas. Estes cultivos de primavera, fadas benfeitoras dos nosos labregos desde o século dezasete que arredaron a fame en moitos anos, pídenlle á terra unha condición particular de humidade, nin moi mollada nin moi seca, para que o arado de onte e o tractor de hoxe poidan entrar na leira e mover e remover a terra sen dificultades.
As augas de primavera son máis ventureiras ca as do outono e pode haber anos en que estas chuvias non cesen, non chega a lentura e a sementeira destes cultivos atrásase de máis, acurtando o ciclo produtivo e xerando perdas moi importantes nos rendementos. En Galicia, é difícil que no mes de outubro non chegue a lentura precisa para a sementeira, mais na primavera pode vir en marzo, en abril ou mesmo a finais de maio, polo que vai ser esta a que lle traia máis desasosegos e problemas ao labrego. Sobre todo, se se ten en conta que para cultivos como a pataca e o millo, que teñen de cinco a seis meses para medrar, un atraso da sementeira de dous ou tres supoñía moita mingua no tempo para o crecemento.
No galego culto, a lentura tivo moi boa acollida como metáfora. Esa condición da terra que, coa súa humidade axeitada, permitía o xermolar desa vida oculta baixo a codia das nabiñas foi unha imaxe afortunada para os nosos creadores literarios. Nela descubriron o reflexo de todo aquilo que achegaba, como a terra húmida, amparo, conforto e agarimo para preservar e manter a vida. Unha paisaxe, un ambiente e, mesmo, un aceno acolledor podían ter lentura se neles atopabamos refuxio e acougo para os nosos desasosegos.