Cotobade. Nin couto nin abade

Gonzalo Navaza

Unha opinión moi difundida sostén que o topónimo Cotobade de Terra de Montes é un composto relativo ao couto do abade de Tenorio. É unha etimoloxía de longa tradición, que talvez naceu no propio mosteiro no século XVI (iso fan sospeitar as grafías Cotobbade con que se rexistra en ocasións nos seus documentos) e no XVIII deuna por válida o padre Sarmiento: “jurisdicción de Cotobade, originado con evidencia de cautum abbatis o Coto-Abade, en memoria de que todo era del monasterio” (Sarmiento, CVF 188-189).

Ademais de Cotobade como nome do concello, no Nomenclátor de Galicia constan tres lugares chamados igualmente Cotobade na Baña, en Chantada e en Ponteareas. Tamén temos constancia doutros exemplos na microtoponimia. A propia existencia de varios topónimos idénticos fai menos verosímil a relación de Cotobade co couto dun abade, mais o que a contradí de maneira taxativa a explicación tradicional son as grafías con que aparece na documentación medieval:

Castro Cutubade cum tota terra sua (ano 1180)
Terra que dicitur Montes in qua est castellum Cutubadi (ano 1182)
Terra que dicitur Montes in qua est castellum Cutubadi (ano 1188)
castrum quod dicitur Cotobadi cum pertinentiis suis (ano 1199)
castrum quod dicitur Cotobade (ano 1225)

A sistemática ausencia de ditongo na sílaba inicial mostra que no topónimo non está presente o substantivo latino cautum (de onde couto en galego, coto en castelán). Así o advertiu Nicandro Ares, que no seu breve estudo do topónimo Cotobade do concello de Chantada suxire como étimo un composto do galego coto ‘curuto, prominencia ou elevación no terreo’ seguido do xenitivo dun nome persoal:

Cotobade débese descompoñer en coto, palabra de orixe prerromana *Cotto (…) e un nome persoal en xenitivo Bade, o cal se repite illado na toponimia galega e parece que non é aférese de abbas, -atis ‘abade’, senón o antropónimo Vatis (Ares 2001:74)

Os rexistros escritos do topónimo a finais do século XII tamén se opoñen a que conteña o substantivo abade. A finais do século XII o mosteiro de Tenorio apenas contaba cun século de antigüidade e calquera topónimo motivado por el ou que fixese referencia ao seu abade sería un topónimo recente e transparente para os falantes, mais as grafías Cutubade, Cutubadi das primeiras atestacións revelan que daquela o topónimo resultaba escuro, opaco no seu significado.

En suma, Cotobade pode ser o resultado dun composto do substantivo galego coto e o xenitivo dun nome persoal, tal como propón Nicandro Ares. Para ese nome persoal, máis ca no Vatis suxerido polo filólogo lugués cabe pensar en Batus e Bato, tamén nomes de orixe latina difundidos por moitas áreas da Romania (Schulze 1904:31), que non constan nos repertorios de nomes medievais galegos (Boullón 1999 só recolle un derivado Batinus) mais podemos deducir o seu uso polos diferentes Bade, Vilabade, Soutobade da nosa toponimia. Este último rexístrase como Saltubati (ano 869, Celanova) e a aldea de Bade, en Sarria, como Bati (ano 976, Samos) e villa de Bati (ano 1009, Samos).

Un composto *cottu Bati é verosímil para un só topónimo e podemos admitilo como boa hipótese etimolóxica provisional, mais non como certeza. Pois non é tan verosímil, por simples razóns de probabilidade combinatoria, o mesmo composto noutros tres lugares distantes (catro, se engadimos un Cotobade na parroquia viguesa de Candeán que no século XVIII era un núcleo habitado, segundo vemos no Catastro de Ensenada). Aínda que a toponimia galega ofrece exemplos de compostos cun segundo elemento antroponímico ‑Bade (os mencionados Vilabade, Soutobade…), os formados cun primeiro elemento Coto– seguido de xenitivo de antropónimo son infrecuentes, de xeito que a repetición en varios lugares distintos dun composto de coto co mesmo antropómimo sería extraordinaria casualidade. A esa obxección podemos sumar a propia orografía dalgúns dos lugares chamados Cotobade, non sempre concordante coa noción de coto ‘prominencia do terreo’.

En tanto non dispoñamos de máis documentación, pódese admitir a posibilidade de que só o Cotobade de Terra de Montes sexa realmente antigo e que os outros fosen creacións posteriores, ecos seus, ou nacidos dun apelido xerado polo topónimo, o que non afectaría á verosimilitude dun étimo *Cottu Bati para un único Cotobade orixinario. De ningún dos outros Cotobade posuímos de momento atestacións documentais anteriores ao século XVIII. En caso de que todos ou algúns deses topónimos fosen igualmente medievais, habería que pensar nunha hipótese etimolóxica distinta. Noutro traballo (Navaza 2019) propoño para ese caso a explicación de Cotobade non coma un composto, senón como o resultado do xenitivo dunha forma antroponímica cuadrisílaba, posiblemente *Cuttufati, a partir dunha variante do nome persoal Cucufatus.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir