O verbo dos arguinas

Manuel González González

Cotobade era terra de canteiros por excelencia, por iso non resulta estraño que D. Antonio Fraguas fose fillo e sobriño de canteiros e que oíse falar moitas veces desde neno do verbo dos arguinas, unha xiria que na súa nenez debían de falar en Galicia, segundo algunhas estimacións, ao redor duns vinte mil canteiros.

Era frecuente en Galicia e fóra de Galicia que certos oficios ou profesións, especialmente os itinerantes, posuísen unha xerga ou latín propio coñecido exclusivamente polos que practicaban estes mesteres. Exemplos ben coñecidos deste tipo de xergas  en Galicia son o barallete dos afiadores ourensáns, o barallete dos grañudos dos comerciantes da Graña, o verbo dos cabaqueiros dos telleiros do Rosal, o latín dos canteiros de Cabana de Bergantiños, o latín dos chafoutas dos albaneis de Tomiño, a lafrada dos albaneis de Bueu, o lapizarro ou verbo dos bogardeiros (cesteiros) de Mondariz, o verbo dos xingreiros (tamén coñecido como barallete dos xingros) dos músicos de Celanova. E, por suposto, nun lugar destacado o verbo ou latín dos arguinas dos canteiros de Cotobade e Terra de Montes.

As funcións das xergas

Todas estas xergas toman como base o galego, pero cunha alta cantidade de elementos léxicos incomprensibles para os falantes alleos ao grupo gremial, o que lles confire un carácter de criptolecto. E é esta probablemente a principal función que teñen estas xergas, a de permitir a comunicación entre os membros do grupo, sen seren comprendidos polos de fóra del. Tratábase de gremios cerrados, cos seus coñecementos e técnicas particulares que trataban de preservar e transmitir usando a súa xiria que nunca se ensinaba a ninguén que non pertencese ao grupo. Poñer este instrumento de relación en mans alleas supoñía unha traizón ás leis internas.

É importante ter en conta tamén que na súa maioría son profesionais ambulantes, que pasaban longas tempadas fóra das súas casas e da familia, en lugares por veces con culturas e modos de vida diferentes, onde a utilización da súa lingua lles permitía facer con certa liberdade comentarios  sobre as condicións laborais, a comida que recibían cando ían a mantido ou todo tipo de problemas cos que atopaban. Non debía ser raro que se atopasen con ambientes de certa desconfianza cara a eles, se temos conta os textos de cantigas como:

En palabras de canteiros                                     Canteiros de Pontevedra,
rapazas, non vos fiedes,                                      onde estades ben vós vedes,
collen os picos e marchan,                                   por unha nena bonita
rapazas, que lles queredes?                                furades catro paredes.

Rapazas do meu lugar,                                         Pica canteiriño pica,
dos canteiros non fiarse:                                       pica na pedra miúda,
que desde que fan a súa                                       pica na muller allea,
collen os picos e vanse.                                        outro picará na túa.

A utilización da xerga era un dos instrumentos de carácter defensivo, pero non o único. Os arguinas tamén se valían doutros procedementos para advertir dalgún tipo de perigo ou para dar o sinal de alerta, como pronunciar a palabra auga cunha entoación especial ou golpear co pico na pedra dunha determinada maneira.

Pero non é esta a única función que cumpren as xergas: á parte de impedir a comprensión das persoas de fóra do gremio, a súa utilización contribuía a diferenciarse e a reafirmar a súa identidade como grupo solidario e á transmisión cerrada e controlada do coñecemento das técnicas e coñecementos que posuían relacionados co exercicio da súa profesión.

Como se forma o léxico das xergas?

Todas as xergas galegas teñen uns procedementos semellantes para a constitución do seu léxico. Hai moitas palabras procedentes do éuscaro, lingua que reúne unas condicións moi apropiadas como fonte para unha lingua deste tipo, xa que en xeral o léxico vasco resulta incomprensible para os falantes galegos. A esta compoñente vasca hai que engadir voces tomadas doutras linguas, coma o francés, catalán ou latín.

Pero unha gran parte do léxico está construído artificialmente mediante perífrases descritivas (por ex., no barallete, a partir de belén ‘home’, créase belén baril ‘pai’ e belén xido ‘amigo’) e procedementos deformadores do significante ou do significado de palabras galegas. Hai casos en que a forma da palabra se desfigura mediante metáteses, prefixos e sufixos desprovistos do seu valor habitual, elementos  arbitrarios engadidos ao principio, no medio ou ao final etc. Noutros casos o que se cambia é o significado dunha voz xa existente, asignándolle un novo contido semántico mediante desprazamentos metonímicos ou  metafóricos.

A formación de palabras adoita ter unha certa lóxica interna tanto na forma coma no contido, o que facilita a súa memorización. Por exemplo, a partir de garrio ‘dedo’ fórmase garria ‘man’ (utilizando o xénero como procedemento derivativo), e garrio dangre ‘brazo’ (engadíndolle ao substantivo o adxectivo dangre ‘grande’); e con garria ‘man’ e fusto ‘pau’ créase a denominación fusto da garria ‘caxato’, que viría a ser o ‘pau da man’.

A que se debe a presenza de tantos elementos do éuscaro?

A presenza de vasquismos nas xergas gremiais do noroeste ibérico débese a diversos factores. En primeiro lugar, o contacto de profesionais galegos co País Vasco, ben porque os de Euscadi viñeron a Galicia ou porque os galegos foron a Euscadi. Este contacto foi especialmente importante nos canteiros. Algúns pensan que a maioría dos elementos euscáricos son debidos á influencia dos canteiros que viñeron a Galicia desde o século XVI para construír e reconstruír moitos castelos e para levantar diversos monumentos e edificios de carácter civil e relixioso.

Pero tamén é certo que os canteiros galegos gozaban de moita sona como mestres na arte de traballar a pedra, e que cuadrillas de canteiros se desprazaban desde vello polo norte de España, ofrecendo os seus servizos para realizar todo tipo de construcións. Estas saídas prolongábanse por longas temporadas, xa que ían pasando dunha localidade a outra, residindo case sempre nas casas dos clientes. Nestas saídas os canteiros galegos chegaban ata Euscadi e zonas pirenaicas.

Ademais, nestes percorridos polo norte de España, entraron en contacto con outros canteiros con latíns similares, dos que sen dúbida tomaron tamén moitos elementos léxicos, entre os que había tamén un gran número de vasquismos. Estoume referindo ao ergue ou jerga de argina dos canteiros de Llanes e Ribesella , á jerga de los erguinas de Burgos, e, moi especialmente, ao pantoja, xerga dos canteiros de Cantabria, especialmente os de Trasmiera, cun enorme número de palabras éuscaras ou pseudoéuscaras.

A distancia lingüística do éuscaro e o seu carácter de lingua incomprensible para todos os falantes das linguas veciñas, proporcionáballes a estes latíns unha materia prima léxica óptima para lograren a función críptica que pretendían.

Moitas veces as voces éuscaras sofren deformacións e adaptacións para darlles unha aparencia de palabras castelás, asturianas, galegas ou portuguesas.

O verbo dos Arguinas

O verbo dos arguinas, tamén coñecido como o latín dos canteiros, xerga da que se recolleron cerca de 4000 voces, aínda que tiña especial vitalidade en Cotobade e Tabeirós-Terra de Montes estendíase tamén por Pontecaldelas, Pontevedra, Caldas e Tomiño, con determinadas peculiaridades locais. Pero tiña continuidade, cara ao sur, en Baiona e no Norte de Portugal (os erguinas de Póvoa de Varzim) e, cara ao norte, en Cabana de Bergantiños (o ghalrrucio dos muradores), en Begonte (a lingua dos argallos), nos límites de Galicia e Asturias (falar en xefra), no leste de Asturias, en Cantabria e en Burgos.

Na denominación da maioría destas xergas figura a palabra arguina ou erguina, evidente préstamo éuscaro, tomado de hargina co significado de ‘canteiro’, palabra formada de harri ‘pedra’ (poida que a partir dunha forma primitiva *argi ) máis o sufixo –na que se emprega para designar profesións: oki-na ‘panadeiro’ (formado sobre ogi ‘pan’), haraki-na ‘carniceiro’ (formado sobre haragi ‘carne’).

Arguina ou arxina?

Cómpre referírmonos ao problema da forma da palabra que dá lugar á principal denominación desta xerga: debe dicirse arguina ou arxina? Hai varios traballos dedicados ao estudo deste verbo que levan no seu título a voz arxina, e isto levou a que esta forma adquirise certa difusión, e mesmo a que fose incorporada ao Dicionario da Real Academia Galega. Pero non hai dúbida de que a forma tradicional era arguina, que, como xa vimos, está tomada do éuscaro, e que no occidente de Galicia (e polo tanto en toda a provincia de Pontevedra) era pronunciada con gheada (arghina). A partir desta realización con gheada, interpretada coma se fose unha forma castelá arjina, creouse o hipergaleguismo arxina (seguindo a correspondencia do tipo cast. cojo – gal. coxo). Que a forma auténtica debe ser arguina, e non *arxina, corrobórano, amais do seu étimo, os nomes arguina e erguina que se lles dá a esta xerga aínda actualmente en Portugal, en Asturias ou en Burgos. A Real Academia Galega, tendo en conta estes datos acordou xa a incorporación do cambio de arxina para arguina no seu Dicionario, que será visible proximamente na edición en liña desta obra.

Conclusión

Antonio Fraguas, fillo e sobriño de canteiros, tivo noticia desde ben novo da existencia dun verbo especial, o dos arguinas, que era específico dos traballadores da pedra, utilizado cunha intención críptica, que era transmitido de xeración en xeración unicamente entre os membros que se dedicaban a esta profesión. Ao longo da súa dilatada vida puido ver como o oficio de canteiro foi perdendo vitalidade e como paralelamente o seu verbo foi vindo a menos ata quedar reducido a un grupo de persoas que xa non o utiliza con ningunha das funcións que tiña tradicionalmente, e que, cando o fala (case sempre cun coñecemento moi parcial), o seu uso obedece máis a unha intención lúdica ca á necesidade de transmitir información relacionada co oficio ou coas circunstancias vitais dos canteiros. Desde esta tribuna queremos renderlles unha pequena homenaxe a D. Antonio Fraguas e aos canteiros que souberon crear este latín que lles permitiu facer máis levadíos os problemas que atopaban no traballo de cada día, e que hoxe constitúe unha riqueza cultural de todos os galegos e galegas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir