Entre as sorpresas que me agardaban en Ribadeo cando alí fun por vez primeira foi o emprego da palabra pícaro: –Fuches ao cine? –Fun, ho, pero estaba cheo de pícaros que non facían máis que berrar, e non me enterei de nada. E tamén: –Cantos pícaros tedes? –Témosche catro, dous pícaros e mais dúas pícaras.
Eu só coñecera o pícaro castelán, protagonista da novela picaresca: un delincuente, un truán. Como era posible que esta verba significase tamén “neno” e “fillo”? Tardei anos en atopar a solución: piccolo saltoume á vista dende un anuncio italiano na facultade. Fun correndo á biblioteca e comprobei que piccolo significa non só “pequeno” (de aí os significados ribadenses de pícaro) senón tamén, en dialectos do norte de Italia, “home pequeno social e economicamente, home pobre e desprezable” (de onde non era difícil que saíse o significado castelán). Máis investigacións revelaron que pícaro empezou a documentarse a mediados do século XVI, e que os primeiros pícaros casteláns eran precisamente nenos vagabundos. Un traballo de campo amosou que pícaro se usa hoxe en día cos sentidos de “neno” e “fillo” nunha área que se corresponde cunha exactitude asombrosa coa antiga Provincia de Mondoñedo. Quen trouxo esa palabra dende Italia ata Galicia na primeira metade do século XVI? Os únicos galegos presentes en Italia en cantidades suficientemente grandes para realizar tal operación foron os soldados que alí servían ao Rei Carlos. E estes recrutábanse por provincias. Despois as continuas migracións galegas cara ao sur en busca de traballo levarían a palabra a Castela. “Pícaro = neno ou fillo” quedou na Provincia de Mondoñedo, e “pícaro = pobre” quedou en Castela, para irse convertendo en “pícaro = pillo”.
Pódese ler a historia completa desta palabra no meu libriño Breve historia del pícaro preliterario (Universidade de Vigo, 2001).