trebello

Xosé Luís Axeitos

Malia a evidente relación fonética, nada teñen que ver as palabras trebello (de orixe dubidosa, probablemente diminutivo de trebe, “trípode”) e traballo (de tripalium, “instrumento de tortura”). Mais quixo o azar xuntalas, mesturalas e ata confundilas para gozo e desfrute dunha penitente galega.

Sabido é que o Padre Sarmiento, monxe bieito, foi o primeiro en idear un proxecto de restauración da lingua galega para aplicarllo ao ensino. Está recollido fundamentalmente nas súas obras Discurso Apologético por el Arte de Rastrear las más oportunas Etimologías (1770) e Elementos Etimológicos según el método de Euclides (1766) e será nesta última onde se recolle o episodio dunha muller galega que se confesa cun cura castelán, que traduce o galego trebellar por traballar ignorando o significado de trebello, ‘xogo, enredo de carácter sexual’, tal como recolle o noso dicionario académico na súa primeira acepción. Deste xeito, a todos os penitentes que se acusaban de trebellar o confesor advertíalles que os días festivos soamente podían trebellar unha hora pero o resto dos días podían trebellar a esgalla, ad laudes et per horas.

Se o tal confesor, segue a dicir Sarmiento, coñecese a copla galega común naquela época que di:

O cura e maila criada

xogan aos trebelliños

a criada cai de espaldas

i o cura cai de fuciños,

entendería correctamente a penitente e evitaría a burla do sacramento da penitencia. Tal situación non sucedería, reflexiona o bieito, entre os cataláns, que xa no século XVIII tiñan bo coidado de non lles dar curato, nin reitoría aos curas que non coñecesen a lingua de Cataluña.

Non cabe dúbida que o Padre Sarmiento sabía perfectamente da responsabilidade que a Igrexa tivo na imposición do castelán e na destrución do idioma de noso.

Se Sarmiento foi o autor deste escrito lúcido, será o profesor Pensado, máximo sarmientista e mestre da filoloxía galega, quen nolo achegue coa publicación incansable dos seus escritos, anotados e estudados con rigor.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir