Xela Arias naceu en 1962 como María de los Ángeles, por elección do seu padriño, e todos agardaban que lle habían chamar Angelines, segundo conta Xaime López Arias. Pero, nun tempo en que estaba prohibido que os nomes galegos figurasen no Rexistro oficial, aquela nena foi chamada Xela desde pequeniña. Rematado aquel réxime, cando puido mudalo para acomodalo á realidade, non se lle permitiu facelo como ela quería, senón para María dos Anxos, pois esa era a tradución do seu nome legal. Máis tarde, un xuíz autorizoulle o troco, tras demostrar documentalmente que ese era o nome que usaba de cotío. De modo que finalmente, Xela Arias puido chamarse así na súa vida pública, na súa vida privada e na documentación oficial.
De onde veñen estes nomes? A Ángeles, Angelines e Xela podemos engadirlles Ángel, Ángela, Anxela, Angelina, Anxelo, Anxo… Unha longa serie que comezou centos de anos atrás, cando a Igrexa Católica quixo, a partir do concilio de Trento (1545-1563), promover o culto dos anxos custodios. E esa vontade de difusión veuse tamén na toponimia, ás expensas dos nomes orixinais. Antón Palacio conta como, por eludir palabras que en castelán soaban mal, os topónimos Malos, Perros e Cans foron substituídos por Los Ángeles. Disto temos testemuño na documentación desde 1573, só dez anos despois de rematar o devandito concilio, e posiblemente, nos casos dependentes de Santiago, foi directriz de Gaspar de Zúñiga y Avellaneda, arcebispo de Santiago (de orixe castelá, como mostran os seus apelidos) desde 1559.
Os nomes persoais foron chegando máis tarde, coa súa forma en castelán, como era usual despois do século XV, cando o galego foi desterrado da documentación. Os antigos nomes medievais comezaron a aparecer traducidos, e os novos xa se consignaban directamente en castelán. Así, encontramos os primeiros a comezos do século XVII: Ángela en 1609, Julián Ángel en 1616 (Arquivo da Catedral de Santiago). No século XVIII chegaron a ocupar os lugares 11 e 51, respectivamente, no índice dos preferidos. Os rexistros documentais adoitan amosar formas castelás, pero o Coloquio de frei Martín Sarmiento permitiunos saber que os nomes que circulaban entre a gran maioría dos habitantes do país eran galegos. E a forma que se pronunciaba en Galicia era, para os homes, Anxelo, e para as mulleres, Anxela; con acento grave, na segunda sílaba, contrariamente á forma portuguesa (Ángelo) e á española (Ángel), que se adecúan á latina de que proceden (angěllus, con acento no a). Aínda que os nomes galegos estaban proscritos da documentación oficial, hai maneiras de ir seguindo o seu rastro.
Francisco Añón publicou en 1845 unha égloga na que falaba de “froliñas de monte para Anxela! / (este era o nome dela)”, onde na posición en rima destas palabras nos confirma que as dúas levaban o acento na mesma vogal tónica (e aberto, como corresponde pronunciar ela en Outes). Anxelo (así escrito) era o nome dun personaxe de El embrujado (1912), unha peza de Valle Inclán, subtitulada “traxedia de terras do Salnés”. Ata os nosos días chegou; algúns exemplos: Anxelo era un meu veciño da Pobra do Caramiñal, é hoxe nome de casa en Cances (Carballo), e aparece de cando en cando nas necrolóxicas dos xornais, case o único sitio onde hoxe podemos ver alcumes ou as formas reais de nomear a xente (así Pepa de Anxelo, nacida en Corcubión en 1930). De Anxela e Anxelo proceden as formas curtas Xela e Xelo, e mais os derivados Xeluca, Xeluco, Xelucho, Xelucha (todas elas moitas veces pronunciadas á forma castelá).
A finais da década de 1970, cando comezou a galeguización dos nomes, unha vez que rematou a ditadura e deixaron de estar prohibidos no Rexistro Civil, Ángel era un dos nomes máis frecuentes (estaba dentro do índice dos 25 máis comúns desde a década de 1930, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística). As primeiras persoas que decidiron pólo en galego ignoraban a supervivencia do nome tradicional, Anxelo, e optaron por traducilo, como aconsellaba a listaxe do padre Seixas, 400 nomes galegos para homes e mulleres. Así naceu o nome Anxo, que se converteu, pola súa parte, nun dos preferidos en Galicia nas décadas seguintes (26º na de 2000, 19º na de 2010, IGE).
E así chegamos a hoxe. Moitas formas galegas entraron no censo, en menor ou maior medida. Atopamos uns pouquiños Anxelo, Anxa, Ánxeles e Anxos, pero os que máis medran son Anxela (22 anos de media teñen as súas portadoras) e Xela (13 anos de media). Hai futuro! Así dicía a nosa poeta: “as pedras sobre as pedras e sobre as pedras / un nome amado”.