xibrar

Héctor Silverio

Movidos polo interese de sumar ao rico léxico da nosa lingua palabras do galego do Bierzo, reparamos no termo xibrar que en estándar viría sendo “asubiar”.  Antonio Fernández Morales inclúeo no catálogo de voces anexo aos seus Ensaios poéticos en dialecto berciano (1861), no que inmediatamente despois aparece o substantivo xibrido. Como tal, efectivamente é usado polo autor en distintos poemas. O autor estende o significado de xibrar (ou xibriar) a un ámbito máis lírico, entendendo que o xibrido é o cantar dos paxaros, ou o que é o mesmo, o rechouchío:

Cuidou a hermosa doncella
qu’ algún cochorro
xibriaba,
e pra oír ben a guedella,
ya dunha, ya doutra orella
cos dediños apartaba
.
(Do poema:  A boda de Petriña)

 

Chámanos a atención que o verbo catalogado por Morales sexa xibrar e non xibriar, cando semella ter na raíz un “i”, como vimos de comprobar no texto anterior ou como podemos ver de novo nos seguintes versos:

I oír cuál balan os cordeiriños,
i entre o rosal
cómo gorxean os paxariños,
o enxambre zumba i os estorniños

xibrian no val.

(Do poema: A Ponferrada)
Nun repaso aos dicionarios e coleccións de léxico, atopamos que no Dicionario da Academia Galega non ten entrada. No Dicionario de dicionarios xibrar só presenta a acepción de “asubiar”.  Non aparece no dicionario astur-leonés, nin no Vocabulario del Bierzo de V. García Yebra, editado en 1934. Tampouco na Aportación al vocabulario popular de la comarca berciana dirixida e coordinada por María Trinidad Crespo e Jovino Andina, que se editou máis recentemente (2008), nin no léxico de Dragonte por Carlos Castelao (editado en 2011).

Estamos, logo, ante unha palabra do galego berciano, popular no s. XIX e documentada por Morales como propia da nosa terra, unha voz que case ninguén rexistra para o Bierzo, pero que cremos que se debería recuperar. Lembramos finalmente, para corroborar o que vimos dicindo sobre este termo, que nun libriño do ano 2002 titulado Escolma de poesía berciana en lingua galega (1860-1960), de Concepción Álvarez Pousa e X. Henrique Costas, publicado por Edicións Positivas, que dirixe o berciano Francisco Macías, existe un breve glosario que presenta a nosa palabriña, nesta ocasión baixo a forma xibriar e lle asigna varios sinónimos: rechouchiar, piar, asubiar.
É dicir, xibriar en berciano serían os verbos que en inglés dinse twitter ou tweet, palabras hoxe tan de moda.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir