lacoada

Comida que ten como ingrediente principal o lacón cocido, acompañado normalmente con grelos, chourizos e patacas

Etimoloxía

Palabra formada por derivación tomando como base “lacón” que vén do latín tardío lacca 'tumor nas patas das cabalarías'.

Exemplos *

“E entregueille os cartos a don Andrés. Celebrámolo cunha lacoada, a ver se agora me deixan en paz , e eu gañeille a confianza, porque a confianza non se gaña con palmadiñas no lombo , nin con pagar unhas cuncas , senón así , demostrando que se sabe facer negocios .” (Francisco A. Vidal: Os pecados capitais, 2007)

“Pero se el nunca escribira tal carta! Recordaba vagamente a suxestión do banqueiro arruinado na tarde da lacoada en Lagares, pero el nunca tomara ben en serio o panorama esnaquizado que lle mostrara Pampín.” (Antonio Rodríguez Baixeras: O rei dos ameneiros, 1987)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.