andar á xaneira

Estar en celo os gatos

Etimoloxía

A palabra principal da frase está formada a partir do nome do mes de “xaneiro” que procede do latín vulgar ienuariu que bebe no clásico ianuariu do nome do mes ianurius mensis ‘mes de Xano’.

Exemplos *

“E mais parece que os xaponeses lles están dando unha boa malleira ós americanos, e os alemáns ós rusos. A radio non fala doutra cousa. Así como llo digo. Os ouveos in crescendo do vento na rúa arremedaban o pranto adoecido dos gatos á xaneira, a lamentación queixumeira das almas afogadas no mar.” (Xelucho Abella Chouciño: A ermida do diaño, 1988)

“Figueiras e castiñeiros espidos, rumor que sobe do pequeno río no derradeiro derramado da luz, agora que o silencio cae sobre os tellados neste empardecido de gatos á xaneira.” (Manuel Vidal Villaverde: Galicia Hoxe, 9-2-2005)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.