ábaco

Marco ou taboleiro que sostén varios arames paralelos polos que corren unhas bólas, que se utiliza para realizar cálculos aritméticos

Etimoloxía

Voz que vén do latín abăcus, que, á súa vez, o tomou do grego ábax ‘taboleiro para contar os votos’.

Exemplos *

“As tendas para turistas onde só se pode mercar con dólares, a atención é un pouco mellor, pero tampouco é unha cousa do outro mundo. (...). Incluso realizan as contas con calculadoras automáticas e non cos tradicionais ábacos que tanto abundan aínda nas tendas e comercios.” (Xulio Ríos: ¿Que foi daquel soño?, 1992)

“En 1664 Gaspar Schott tentará satisfacer tamén a posibles usuarios doutras culturas: como para moitos pobos os números árabes non son familiares, arbitra un sistema de táboas divididas en columnas e cuadrículas que actúan como un ábaco para representar os números.” (Teresa Moure: Outro idioma é posible. Na procura dunha lingua para a humanidade, 2005)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.