abanqueiro

Desnivel brusco ou pronunciado no leito dun río onde se precipita a auga

Etimoloxía

Palabra formada mediante a derivación sobre o termo “banco” que remite ao fráncico bank ‘asento’.

Exemplos *

“O río Miño ao seu paso por Arbo arremuíñase en abanqueiros e faise escuma contra as pesqueiras de lamprea, ou canso, relánzase en abismais pozos, aos que segundo unha crenza ningún mortal se pode achegar para ver os seus feitizos, pois corre o perigo de desaparecer.” (Xosé Lois Ripalda: O país dos mil ríos. Cultura fluvial en Galicia, 2009)

“A camiñada conducía até a ermida do santo Estevo co seu prado, xunto a un rego que viña do abanqueiro, alegre auga, alta e estreita, precipitada por tras da ermida. Era unha postal alpina de calendario na que só faltaba un cervo a beber.” (Xabier Paz: As vidas de Nito, 2013)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.