abarloar

Arrimar o costado dunha embarcación ao doutra ou á terra pero sen tocala.

Etimoloxía

Procede do portugués abalroar 'vir por barlovento', para o que se ofrece unha explicación que se remonta a unha expresión francesa, venir de barloo, da que derivaría tamén barlovento.

Exemplos *

"Os dous franceses fixeron manobra como para abarloar, sen que Der Vleuten se decidise por ningunha novidade no seu rumbo." (Xosé Ramón Pena: O reverso do espello)

"Tres embarcacións baleeiras ocupaban a lonxitude toda dos pantaláns e non deixaban lugar para outras manobras e vimos así a nos abarloar ó costado dun dos navíos dedicados á caza dos cetáceos." (Xavier Queipo: O paso do noroeste)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.