Insecto da orde dos himenópteros, de cor castaña e duns quince milímetros de lonxitude, que vive organizado socialmente en comunidades, ben en estado natural ou ben en colmeas feitas polo home, e que produce mel e cera.
Etimoloxía
Designación que chega do equivalente latino apicula, diminutivo de apis de significado semellante.
Exemplos *
“Unha abella percorreu verticalmente o corpo do profesor e case lle pousou nunha man.” (Miguel Anxo Murado: Mércores de cinza / A floración das cerdeiras, 1998)
“Dentro había dous paus colocados en cruz onde se apoiaban os panais. Estaba cuberta con madeira e pechábase con bosta de vaca nos bordos para que as abellas non saísen.” (Diego Ameixeiras: Matarte lentamente, 2013).
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.