abeluria

Planta silvestre da familia das escrofulariáceas, de talo ergueito, follas basais e inflorescencia de ata trinta centímetros de alto con numerosas flores con forma de alferga, corola de cor púrpura ou rosada e interior branco punteado de vermello / Flor desta planta

Etimoloxía

Esta denominación non ten unha orixe moi clara, crese que podería estar relacionada co éuscaro bilur ‘viorto’. O nome científico que lle corresponde é Digitalis purpurea.

Exemplos *

“Igualmente se considera un eficaz instrumento defensivo contra meigas e trasnos, así como axente fornecedor de felicidade, a planta coñecida polo nome Digitalis purpurea L, a cal acolle máis de trinta denominacións galegas, entre as que sobrancean as de abeluria, baloco, bilitroques, dedaleira, estralote...” (Vítor Vaqueiro: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, 2011)

“Aquí e alá aparecen unha aldeíña cun campanario lanzal (por exemplo a Pereiriña, tamén chamada Feira Nova, ou Pasantes), un regato, un camiño con amoras ás beiras, madreselvas, abelurias, lentisco e breixos.” (Audrey Fitz Gerald Bell e Teresa Cámara [tradutora], Galicia vista por un inglés, 1994)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.