abesouro

Insecto da orde dos himenópteros, semellante á abella, pero máis grande, que fai moito ruído ao voar e vive no chan, en pequenas comunidades e do que existen varias especies.

Etimoloxía

Unha das explicacións que se dan para esta forma é que proveña da expresión latina apis aurum 'o dourado da abella'.

Exemplos *

"Zumbando coma un abesouro doente, un helicóptero sobrevoaba o lugar." (Xavier Queipo: Atuado na braña)

"Zoa o abesouro da entrada, pero ese non morde, só esperta á xente ou interrompe a telenovela …" (Bieito Iglesias: Vento de seda)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.