abrollar

Saír un líquido dun lugar, tal como a auga dun manancial, as bágoas dos ollos, o sangue dunha ferida etc.

Etimoloxía

Palabra derivada que toma como base “abrollo” e este procede da expresión latina de advertencia aperioculus ‘abre o ollo’.

Exemplos *

“Unha Poclain, co cazo, espeta grosos toros de eucaliptos de punta, como se fose unha mandarria xigante, para que o edificio teña algo de alicerces. O cazo estívoos buscando pero só atopou unha poza inmensa de auga debaixo do lameiro. Pozas que abrollan por tóda-las partes.” (Anxo Angueira: Iria, 2012)

“Os grandes e gatunos ollos miraron con moita atención todo aquel lugar, aquela caste de oasis nun pequeno monte. E a boca refrescouse e bebeu da boa fonte que alí abrollaba e cantaruxaba.” (Bernardino Graña: Protoevanxeo do neto de Herodes, 2006)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.