Arbusto da familia das rosáceas, de ramas e talos espiñentos, follas ovadas alternas, flores brancas e pequenas e froito en drupa arredondada de cor negra azulada e sabor áspero.
Etimoloxía
Palabra formada a partir de abruño, que vén do latín vulgar *prunea, desde o clásico prunus ‘ameixa’ máis o sufixo -eiro.
Exemplos *
“Era frecuente divisalo deitado cos ollos pechados, mareado pola augarrás, baixo un abruñeiro inzado de flores, flores de cinco pétalos que xa intuíra co pelo do pincel.” (Marilar Aleixandre: O coitelo en novembro / O ollo do dragón (hua long dian jing), 2010)
“Eu respondinlle seriudo pero ao tempo co sorriso nos intersticios da alma pola candidez e lírica transparencia coma flor de abruñeiro.” (Manuel Xosé Neira: O Correo Galego, 1-6-1999)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.