acanto

Planta herbácea da familia das acantáceas da que existen varias especies, perenne, con follas anuais, alongadas, rizadas e espiñentas e flores en espiga, que se cultiva como ornamental en países de clima temperado

Etimoloxía

Termo que bebe do latín acanthus que remite ao grego ákanthos ‘espiño’.

Exemplos *

“O acanto non se cultivou na horta do Real Hospital de Santiago como o demostra un pedido que fai o boticario no ano 1827 solicitando esta planta. Tampouco aparece mencionado nos inventarios das principais boticas monacais galegas.” (Pilar Antelo Docampo e Xaquín Penas Patiño: As plantas medicinais, 1993)

“Igual que a maioría dos edificios da zona, estaba recuberto por fóra con azulexos decorados con debuxos de pavóns e follas de acanto rodeando fiestras e ocos, en lugar do aire acondicionado tan nocivo tiñan un pequeno ventilador enriba da porta de entrada que refrescaba o ambiente sen pór os pelos de punta.” (María Xosé Castelo Lestón: Obras breves de imaxinación. Obras gañadoras do Premio de Relatos Mulleres Progresistas 2007-2011, 2011)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.