Enfermidade crónica ou alteración leve da saúde que se repite con certa frecuencia
Etimoloxía
Este vocábulo relaciónase co verbo “achacar” que é un derivado do árabe da Península Ibérica aččakká, que, á súa vez, bebe do clásico tašakkà 'queixarse', 'denunciar'.
Exemplos *
“A señora non sabía nesa ocasión canto tempo estaría fóra. Serían unhas longas vacacións, e ao parecer a nai napolitana do señor da casa atravesaba os achaques propios da idade, polo que resultaba precisa unha viaxe de urxencia para estaren con ela naqueles delicados momentos.” (María Oruña: O que a marea esconde, 2021)
“Pasara a primeira fin de semana deixando un ronsel de enganosa esperanza. (...) Viñérano ver os parentes máis achegados. El emocionábase ante os encontros, pero estaba tranquilo, seguro de que sería un achaque pasaxeiro e superable.” (Manuel Pereira Valcárcel: Días do final, 2007)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.