acivro

Árbore silvestre da familia das aquifoláceas, de follas brillantes elípticas ou ovais, duras e con espiñas nos bordos, flores brancas, froito en forma de baga de cor vermella e madeira de cor clara, dura e compacta

Etimoloxía

Palabra procedente da forma do latín vulgar *acifŏlum, que remite á do clásico aquifŏlium ‘follas espiñentas’, que ten unha evolución en galego semellante a de *trifŏlum que dá “trevo”.

Exemplos *

“Unha resistente que ía medrando de vagar no percurso das estacións. As súas raíces estendíanse a procuraren espazo e alimento. Agora é unha árbore maxestosa, máis do que as magnolias e o acivro. A súa copa dá unha inmensa sombra.” (Miguel Mato Fondo: Adeus, capitán Walton, 2018)

“O xílgaro empoleirado nun freixo, ollas con gusto o loureiro e mais o acivro pasando ao teu carón: unha galería ao pé do río para ver e non tocar e, cando desapareza a pasarela co paso dos anos, o entorno de natureza autóctona vai quedar como antes, as cousas como son.” (Eduardo Prieto Casares: Folliñas que levou o tempo. Contos da Ribeira Sacra, 2013)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.