Instrumento musical de vento formado por un fol, que se estende e contrae, e dúas caixas, unha a cada extremo do fol, cunha serie de teclas correspondentes aos sons que emiten
Etimoloxía
O termo de orixe alemá, creado polo inventor do instrumento, Akkordion que deriva de akkord que significaba ‘acorde musical’, pero que entra desde o francés.
Exemplos *
“A comezos do século XX o acordeonista xa andaba polas feiras adiante, a canda o gaiteiro e o cego da zanfona. Eran acordeóns de botóns, pequenos e nerviosos, deses aos que agora lles din diatónicos.” (Xurxo Souto: Sermos Galiza, 28-8-2014)
“Mentres, o rapaz colle o acordeón da cuberta, revisa os golpes, nada grave, e ponse cos primeiros compases, co repenicar primeiro da Alborada, que non é a Alborada de Veiga.” (Anxo Angueira: Iria, 2012)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.