Comportamento, verbal ou físico, de natureza sexual, que teña o propósito ou produza o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa, en particular cando se crea un ambiente intimidatorio, degradante ou ofensivo
Etimoloxía
Locución rexistrada no Tergal formada polo substantivo “acoso” que procede do verbo “acosar” formado sobre ‘cosso’ “carreira” e o adxectivo “sexual” procedente do latín tardío sexualis que significaba ‘do sexo feminino’.
Exemplos *
“Cando falamos de violencia contra as mulleres inmediatamente nos ven á mente a violencia física, pero existe tamén a violencia psicolóxica, as agresións sexuais, o acoso sexual ou a violencia económica. Pode sufrirse durante moitos anos e provoca secuelas moi graves para a muller tanto a nivel físico coma psicolóxico e social.” (Cristina Justo Suárez: Guía de prevención e detección da violencia de xénero para mozos e mozas, 2019)
“Asemade vese que hai diferentes tipos de acoso sexual nas redes, como o dos adultos "enmascarados" de adolescentes que gañan a súa confianza para abusar deles.” (Chis Oliveira e Amada Traba: Ám@me. Pensar o amor no século XXI, 2018)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


