adega

Parte da casa, xeralmente subterránea, ou construción independente onde se garda o viño ou outras bebidas e, ás veces, tamén onde se fai, xeralmente, para o consumo persoal

Etimoloxía

Substantivo que chega desde o latín apotheca que remite ao grego ‘almacén’ ou ‘depósito’.

Exemplos *

“¡Ai! A adega da noite / veu un grilo do demo / e billóu a pipote / que contiña o silencio / –mouro viño de ensoños, / gorentador e vello.” (Florencio Delgado Gurriarán: “Sinfonía parva”, Cantarena, 1981)

“Pecharon a porta de novo, dunha sólida folla de castiñeiro, ancha e rotunda. Por fóra, a capela do San Brais non parecía un edificio relixioso. O máis espelido vería alí unha adega feita de boa cantería, como correspondía a unha casa rica.” (Manuel Gago: O anxo negro, 2016)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.