Arbusto ornamental da familia das apocináceas, de follas perennes, lanceoladas e velenosas e flores grandes brancas, vermellas ou rosáceas, segundo a variedade / Flor desta planta
Etimoloxía
Denominación que nos leva ao árabe hispánico addífla, que remite ao clásico diflà, que se relaciona co grego dáphnē 'loureiro'. O nome científico desta planta é Nerium oleander.
Exemplos *
“Eu estudaba árabe e axudaba en programas de alfabetización nunhas escolas rexentadas por monxas francesas. Alugara, despois de moito pasear, unha casa na medina que era un pracer para os sentidos, sutil, intricada. Tiña un patio cuberto de adelfas e terrazas orientadas ás montañas.” (Xaime Domínguez Toxo: Contos da Baiuca, 2006)
“De seguida apareceu un tipo cunha dentamia postiza no sobaco. Ben, amigos — díxolles pese a que os odiaba porque todas as noites lle mexaban nas adelfas do patín —, vai actuar pra vós a sublime mademoiselle Dubois.” (Anxo L. Baranga e José Antonio Martínez: Un pequeno favor e outras historias dun humor perverso, 1984)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


