Acción e efecto de mostrar gratitude, dar as grazas en recoñecemento dun favor ou beneficio recibido
Etimoloxía
Termo derivado sobre o verbo “agradecer” que remite ao latín gratus, -a, -um ‘digno de agradecemento’.
Exemplos *
“Valentina mantivo a súa atención no fondo do corredor, e soubo que a muller do tenente a recoñecera, porque na súa ollada debuxábase un agradecemento infinito, un abrazo silencioso e sincero.” (María Oruña: O que a marea esconde, 2021)
“Ata que un día que me encontraba en Forcarei, hai soamente catro anos, decidín ir pasar unhas horas a Vilar, á casa de Avelino Senra, a quen lle gardo quizais os mellores agradecementos da miña vida.” (Xosé Luís Barreiro Rivas: O crego de Lebozán, 1992)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


