agrón

(Nasturtiun officinale) Planta herbácea da familia das crucíferas, de talos tenros, deitados e de ata noventa centímetros, flores brancas e pequenas e froito en sílicua.

Etimoloxía

Apúntase que este termo estea relacionado co grego agrios ‘salvaxe’.

Exemplos *

“... o Dragón acabara cos repolos e as leitugas das hortas e mesmo cos agróns dos regatos.” (Xosé Cermeño: Os nervios da cabeza)

“Eran preto das dez, ceara ovos pasados por auga, pan tostado con manteiga, ensalada de agróns e café só en abundancia.” (Xosé Cid Cabido: Días contados)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.