albacora

Peixe mariño da familia dos escómbridos, semellante ao bonito, pero de menor tamaño, carne máis branca e aletas pectorais de maior lonxitude, do que existen varias especies

Etimoloxía

Pénsase que esta denominación provén do árabe al-bakura, nome do peixe tamén.

Exemplos *

“E deseguida o traballo firme se impuña, cando localizaban os bancos de peixe, tan minguados no inverno, dicíanlle; pero Marcelo non o entendeu. Porque aquela noite tiraron da rede moitas veces, e viñan cargadas de sargos e albacoras e xurelos e sardiñas e robalos, e xardas e lirios, e pescadas, que non se cría, e doutros moitos peixes dos que descoñecían os nomes.” (Vanesa Santiago: A vida sinxela de Marcelo Firmamento, 2017)

“No profundo do mar dos Azores os túnidos agardan o espertar do instinto primitivo da migración movido pola temperatura do mar, os bancos de plancto e mais as correntes ; será entón cando atúns, albacoras e bonitos tomarán a dirección das praias de desova.” (Fausto Galdo: Abecedario das mantenzas, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.