albelo, -a

Da cor da neve, do leite etc., ou que tira a ela

Etimoloxía

Palabra derivada sobre “albo” que procede do latín album ‘brancura’.

Exemplos *

“Carme de Candingas lembra o Leboreiro cruzando o océano, atravesando o horizonte, chegando ao Nordeste, con aquelas costas de cocos verdes e dunas albelas.” (Daniel Asorey: Nordeste, 2026)

“Doña Xohana, pequeneira, graciosa, albela, co seu pano mantón e seu peiteado antigo, os olliños vivos, camiñando lixeira e sempre choutando de conto en conto, de historia en historia.” (Ramón Otero Pedrayo: Contos do camiño e da rúa, 1932)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.