albóndega

Pequena bóla de carne ou peixe picado, preparado con ovos, pan, especias e outros condimentos, que se frite e se guisa

Etimoloxía

Palabra que se tomou do árabe hispánico albunduqa que bebía do árabe clásico bunduqah ‘bóla’, que garda relación co grego káryon pontikón, 'noz póntica' ou ‘abelá’.

Exemplos *

“O son metálico das persianas (...) é o reloxo das persoas que (...) se achegan ao lixo para escaravellar entre os alimentos que se desbotaron no día. Desde barras de pan até tomates mazados, pasando por leitugas que ben valerían de lles quitar un par de follas, até unhas albóndegas apenas cubertas por un plástico transparente. A fame, que cheira a vinagre, non busca exquisiteces e acumula todo canto a poida saciar.” (M. Obelleiro: Sermos Galiza, 4-9-2012)

“...ten para o xantar no bar de Xacinto, ao carón da oficina, e mais os excesos gastronómicos cos que se deleita á cea: latas de conservas, zamburiñas en salsa de vieira, polbiños en aceite de oliva e sobre todo botes de callos e de albóndegas, os seus manxares exquisitos e case diarios.” (Antón Dobao: Incertos / O espello, 2008)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.