Libro en branco, polo xeral de tapas duras e decoradas, destinado a conter unha colección de selos, cromos, fotografías, debuxos etc.
Etimoloxía
Palabra incorporada desde o francés album, e este do alemán album que o toma do latín album, –i 'taboíña en branco para os edictos' que deriva de albus, –a, –um 'branco'.
Exemplos *
"Calquera artigo dos periódicos que sobre o tema caía nas súas mans pasaba a un álbum onde dispuña os recortes por orde cronolóxica" (Antón Lopo: Ganga)
"Non tardou en baixar cunha carpeta na que había (…) recortes de xornais de cando as folgas de Asturias e un álbum de gravados de Castelao, que xa logo sería queimado na lareira para sempre xamais." (Xavier Queipo: O ladrón de esperma)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.