Árbore da familia das lauráceas, de ata vinte e cinco metros, copa piramidal e follas alternas, orixinaria de Extremo Oriente, da madeira do cal se obtén o alcanfor por destilación
Etimoloxía
Denominación derivada de “alcanfor” que vén do árabe hispánico alkafúr, este do árabe kāfūr, que en última instancia remite ao sánscrito karpūrā, nome da árbore. O nome científico é cinnamomum camphora.
Exemplos *
“Os xardíns deste pazo, (...), comezaron a desenvolverse a finais do século XVII e ao longo do XVIII. Desde entón, o lugar foise poboando de árbores que hoxe son senlleiras, como os alcanforeiros, as magnolias ou os eucaliptos. E tamén a araucaria, que superaba os 30 metros de altura.” (Manuel Rey: GCiencia, 8-11-2019)
“O alcanforeiro do castelo de Sobroso, no lugar de Vilasobroso (Mondariz), ten un tronco de grandes dimensións e aséntase sobre un promontorio basal formado polos cordóns radicais, que se atopan parcialmente descubertos.” (Redacción: Cousas de Revista, 17-12-2024)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


