Árbore da familia das cupresáceas, de tronco medianamente groso e moi alto, con pólas erguidas e pegadas a el, copa en forma de cono e follas pequenas, mestas e de cor verde escura
Etimoloxía
Crese que é un termo produto do cruzamento da denominación “ciprés” que vén do latín tardío cypressus pero que nos chega desde o occitano cipres, con “arcipreste” que procede do equivalente latino archipresbyter.
Exemplos *
“A complexidade que amosan os diferentes arrabaldes de Praga non garda relación con aquelas paisaxes adobiadas polos mares de vides e alciprestes que cinguen coas súas formas ondeantes as vilas tinxidas pola cor ocre da terra.” (Xerardo AgraFoxo: O violinista de Malá Strana, 2008)
“Estaba tan nervioso que de vez en cando asomábame á porta para ver se albiscaba o padre Serafín entre a ringleira de alciprestes que comunicaban as rúas do pobo co recinto amurallado do mosteiro.” (Alberto Canal: Conexión Tubinga, 2008)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.