alfaia

Obxecto de adorno persoal, feito con metais ou pedras preciosas / Persoa ou cousa de excelentes calidades

Etimoloxía

Vocábulo que nos chega desde o árabe da Península Ibérica alḥáǧa, e este remite ao árabe clásico ḥāǧah 'cousa necesaria ou valiosa'.

Exemplos *

“A longas terras do sul, / por conquerir o bon tempo / e alfaias de estrelas novas / foi, leixando aquel castelo/ onde a belida outonía / fiaba o seu desespero.” (Florencio Delgado Gurriarán: “Romanzo da dona Outonía”, A Bebedeira, 1934)

“Mercaría unha fermosa alfaia para Estrela. E encargaría unha placa de ouro onde gravasen con letras ben fermosas o nome de Taramanco.” (Vanesa Santiago: A vida sinxela de Marcelo Firmamento, 2017)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.