alfoz

Territorio que depende dunha cidade ou dun castelo.

Etimoloxía

Vén do árabe al-hauz ‘arredores’.

Exemplos *

“Calou sempre o discreto cabaleiro as moitas visitas que recibía no solpor a servidora Mucha co gallo dun curmán de aquí, outro de aló e aquel de acolá; non eran outra cousa que pícaros que viñan do alfoz e marchaban con cartuchos cheos de fariña.” (Xosé Vázquez Pintor: A memoria do boi)

“… saín para a súa casa, que estaba aló por onde a cidade se estira nunhas escuras aforas que antes chamaban alfoz e que agora nomean arrabalde.” (Carlos G. Reigosa: Xentiario)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.